O Apóstolo

apostolo

A longa ruta que conduce ata o sepulcro do Apóstolo foi visitada por millóns de peregrinos dende tempos inmemoriais e dende os últimos recunchos do Mundo antes coñecido como Finis Terrae. A meta do peregrino é o sepulcro do Apóstolo Santiago, que predicou naquelas terras, e, tras ser executado en Israel no ano 44, os seus discípulos embarcárono nunha nave sen tripulación que arribou soa na Iria Flavia, moi preto de Padrón, onde foi enterrado. Posteriormente trasladáronse os seus restos á veciña Compostela, sobre cuxo sepulcro construíuse o gran templo, epicentro simbólico do movemento peregrino.

Tal é o punto de partida do que nace O Apóstolo, o novo proxecto artellado por Fernando Cortizo. Falamos dunha cinta de animación que conta con actores reais. Non, non estamos a falar de misturas do estilo de Roger Rabbit nin cousas dese estilo, senón que os personaxes están deseñados en función dos actores participantes no proxecto: Luis Tosar, Carlos Blanco, Celso Bugallo, Xosé Manuel Olveira “Pico”, Manuel Manquiña, Jorge Sanz, e ata Geraldine Chaplin ou Paul Naschy. Todos eles perfectamente recoñecibles e identificables na súa versión animada. Velaí é nada.

A historia, lonxe de ser un relato de peregrinaxes, é un conto de aventuras. Un convicto recen fuxido do cárcere tratará de recuperar un botín escondido anos atrás nunha solitaria e apartada aldea, Xanaz. Pero o que alí atopará supón unha condena aínda maior da que xa sufriu: sinistros anciáns, estrañas desaparicións, espíritos, un estraño sacerdote e ata o mesmísimo arcipreste de Santiago cruzarán os seus camiños nunha historia de terror, humor e fantasía.

A aldea á que chega o noso amigo tamén ten a súa propia historia. Xanaz agóchase nas montañas de Lugo, enchida de pedras milenarias e bosques misteriosos. En 1348, en pleno apoxeo do camiño de Santiago un peregrino afectado pola Peste Negra chegaba a Xanaz. Ao principio ninguén sospeitou das súas estrañas manchas e a súa alta febre ata que foi demasiado tarde. Clausuráronse as casas e queimáronse os cadavres pero, a pesares de todo, a enfermidade comezou a correr as súas anchas polo lugar. Xanaz, converteuse nun pobo maldito, aínda que ninguén puido saír nunca de alí para contalo….ata agora.

O dito: aventura, maldicións, tesouros, peregrinos, paisaxes e ata a Santa Compaña absorven o protagonismo desta cinta que nestes intres se está a preparar, que está previsto estrear o 25 de xullo do xubilar ano que vén, e que, de seguro, vai petar con forza. Porque se hai algo de que andan sobrados os responsables é de imaxinación. Un exemplo: nestes intres de crise económica galopante, a alternativa para sacar adiante proxectos coma este é a do que poderiamos chamar “multicoprodución”. Que que é iso? Pois algo tan sinxelo como que calquera pode participar na súa financiación sen grandes inversións. A partires dos 30 euros, ti mesmo podes entrar a coproducir a cinta e participar, no seu momento, dos beneficios que poda xerar. Se estás interesado podes atopar toda a información na súa páxina web: www.oapostolo.es/.

Aínda non hai comentarios

Aínda non hai comentarios.

Comentarios RSS Identificador de URI de seguimento

Deixa un comentario