+info
que_Living together. Estratexias para a convivencia
onde_Salas de exposición do 1º andar. Museo de Arte Contemporáneo (marco) de Vigo.
cando_Ata o 20 de setembro (horario: martes a sábados de 11:00 a 21:00 h.; domingos de 11:00 a 15:00 h.
A convivencia. Ah, a convivencia. Esa teima do ser humano por mergullarse entre os outros seres humanos que polo mundo pululan. Difícil papel o de conxugar a identidade propia do individuo coa convivencia con outras culturas, outras inquedanzas, outros sentires…
A convivencia. Ah, a convivencia. Que diaños é a convivencia? Se alguén pode definila son, sen dúbida, Xabier Arakistain e Emma Dexter. Que por que? Pois porque por algo son os comisarios da exposición que nos achega o marco de Vigo, á que deron en chamar Living together. Estratexias para a convivencia. A mostra, producida polo Centro Cultural Montehermoso de Vitoria-Gasteiz, xira “en torno á noción de convivencia no mundo contemporáneo e aos valores sociais e políticos que a conforman”, en palabras dos comisarios.
Insistimos en que é unha tarefa farto complicada iso de definir a convivencia, pero para achegármonos un pouco a esa cuestión a mostra reúne un total de catorce artistas dispares. Si, certo: o propio concepto da exposición vén sendo outra reviravolta sobre a convivencia. Ou non un exercicio de convivencia calquera mostra colectiva?
Todos eles exhiben pezas realizadas nos últimos seis anos ou traballos creados de maneira específica para este proxecto, que van dende a fotografía á videocreación, instalacións, pinturas, esculturas… Todo un abano no que exhibir esas cualidades para convivir cos traballos dos outros.
“A partir dunha reflexión sobre a pluralidade de grupos e suxeitos da sociedade actual, Living together ofrece distintas visións das narrativas e valores que regulan a idea de convivencia”, e volven falar os comisarios, que din que enfocaron a mostra “como un exercicio de análise, reunindo a colectivos e artistas de diferentes procedencias que, dende posicións críticas, investigan sobre o concepto de convivencia e sobre o papel que xogan os sistemas de representación no mundo contemporáneo”. Dito queda.
A convivencia. Ah, a convivencia. Neste mundo que nos tocou vivir, no que o individualismo parece querer avanzar a pasos axigantados e absorver todo o que atopa ao seu redor, convén deterse de cando en vez para contemplar o noso entorno e máis para reflexionar un pouco sobre todas as cousas que nos rodean. E mergullarnos na arte como elemento reflexivo e incitativo da convivencia.
Porque alguén é capaz de negarme que “convivir” vén sendo algo moi parecido a “vivir con arte”? Pois apliquémonos o conto.
Deixar un comentario
Aínda non hai comentarios.
RSS Comentarios Identificador de URI de seguimento


