ConFesoNArio (a entrevista)

guadigalego-benzon

Guadi Galego, cantante

‘O que fago sae de dentro’

Por Antón Fernández

-Porque Benzón?
-É unha forma de dar as grazas dunha maneira moi espiritual. En galego é un hiperenxebrismo. Quería darlle as grazas á música tradicional, á música de autor,…
-Os críticos acostuman a etiquetar. Gústache que clasifiquen a túa música?
-É algo inevitable. Póñenche etiquetas porque senón non és ninguén. Eu teño traballos moi distintos pero non me importan as etiquetas. Eu fago música dende Galiza, galega e universal.
-Eu diría que a túa música é intimista…
-Eu son así. Realmente todo o que fago sae de dentro, é verdade.
-A música tradicional segue a ser protagonista en ti. Non esqueces as orixes, verdade?
-Para nada. As orixes están aí e non quero obvialas. Van mudando co respecto ao pasado pero están aí. Un non é ninguén sen o seu pasado. Gústame o concepto do local ao universal, de ceos abertos. Somos 25 artístas galegos, de aquí, pero cunha idea de universalidade.
-Colaboraches en traballos alleos e agora és ti quen bota man doutros músicos. Que tal a experiencia?
-Era importante conseguir ese punto plural que hai na música galega. Era moi dificil darlle unha música distinta a cada arranxista e que soara. Non quixen facer un traballo en serie. A experiencia, ao final, foi increible.
-Entre amigos…
-Si e outros que o serán a partir de agora.
-En Benzón aparecen cidades como París ou La Habana. As viaxes marcan aos músicos?
-Sempre marcan. Por exemplo a La Habana fun de viaxe cuns compañeiros e o tema xurdiu nunha conversa no aeroporto.
-Non o veremos en directo…
-O directo é imposible. Habería que montar unha banda…

 

20090424_russian_01

Russian Red, cantante

‘Para min, o importante é poder tocar e gozar facéndoo’

Por Carolina Piñeiro

–Parece que está abrindo camiño ao indie…
–Eu non o diría así. Tivemos moita sorte, tocamos moito. E logo veu o disco. Pero non me consideraría como un referente.
–Ademais do vermello do pintalabios, manexou outros nomes?
–Pois a verdade é que o nome xa o tiña un ano antes de gravar o disco, entón xa non me prantexei outro.
–Non lle parece máis meritorio gañarse o respecto como unha artista “seria” a través da rede; un espazo que parece estar reservado para xente máis “informal”?
–A verdade é que non creo que sexa máis meritorio, porque internet ofrece moitas vantaxes e agora é máis fácil darse a coñecer.
–Pero a oferta é moito máis ampla.
–Non o vira así. Como internet ofrece tanta información talvez sexa máis difícil, pero nós tocamos moito.
–En MySpace a súa páxina supera xa o millón e medio de visitas. É todo un logro.
–Si, a verdade é que é moitísimo.
–Saíu en todas as cabeceras importantes. Que sente ao ver a súa cara nos quioscos?
–Eu non me fixo moito niso. Si que leo as entrevistas; pero a quen máis ilusión lle fai é á miña nai. Para min o importante é poder tocar e gozar facéndoo.
–O éxito tamén a levou a protagonizar a campaña publicitaria dunha marca de roupa. Imaxinárase algunha vez a si mesma como modelo?
–Que va! Se son un tapón…
–En “I love your glasses” atreveuse con Cindy Lauper. A quen lle gustaría versionar agora?
–Faríame moita ilusión versionar a algúns autores pero non sei se meterei algunha versión no próximo disco. Ao mellor algún día podo facer un só de versións.
–Ten xa en proxecto o próximo álbum?
–O certo é que está moitas veces na miña cabeza e xa teño algunha canción. A ver se empezamos a gravar a finais de ano.
–Incluirá en próximos traballos as cancións da maqueta que a deu a coñecer?
–Non creo. Agora interésanme máis os temas que foron xurdindo despois do disco e cos que me sento máis identificada.
–No seu caso o directo veu antes que a gravación. Hai algún trazo da súa voz en concerto que sexa incapaz de plasmar en estudo?
–É que iso depende do son, a acústica… Son cuestións máis técnicas e eu non son a profesional. Pero si que me gusta máis o son do directo que o de estudo.
–Cal foi ata agora o seu mellor público?
–Pois a verdade é que lembro dous. O concerto na sala Karma de Pontevedra, que estaba chea, e en Granada. Directos nos que o público estivo verdadeiramente entregado. Lembro dun modo moi especial estas dúas ocasións. 
–E cando toda esta voráxine se calme, ten previsto retomar os seus estudos de Tradución?
–O certo é que se volvese á universidade sería para estudar outra cousa. Xa non me propoño dedicarme á tradución, así que volvería para empezar outra cousa.

 

 

me

Emma Ríos, debuxante

“O boom da bd en Galicia é máis un fenómeno mediático que outra cousa”

X.Ramón Couñago

_En Kalaikia somos fieis do teu blog “Steinerfrommars.blogspot.com”. A que se debe este peculiar nome?
_É un personaxe secundario de APB , a miniserie que autopubliquei fai anos. O nome da moza da cicatriz que sae no blog. E, por suposto, unha chiscadela a Bowie.
_O teu estilo é moi cinético, de movementos e planos agresivos- Cres que é ese o motivo de que os teus debuxos resulten tan cativadores?
_Creo que o dinamismo e o movemento da cámara son trucos para captar a atención dos lectores nos momentos axeitados. Paréceme fundamental á hora de narrar acción e tamén unha forma de facer escenas conversacionais con máis dramatismo e menos aburridas. Gústame moito utilizalo porque sempre é un desafío para min como narradora e creo que realmente funciona. De aí a cativar, non se que dicir… hai moita xente á que o meu traballo parécelle desagradable jaja.
_Fai anos sería imposible seguir a un autor/a, como é o teu caso, tan de cerca, coñecendo opinións, últimos traballos, fobias e filias… e manter un “contacto” contínuo a través de plataformas como as blogs. Na entrevista que che fixeron recentemente en Zona Negativa comentas que o teu desembarco en América foi propiciado pola túa presenza na rede. Como ten influído internet na túa carreira de debuxante internet?
_Sen internet dubido moito que puidese exercer como debuxante agora. Todo conseguino grazas ao meu blog e á miña conta de flick-r. Aínda non coñezo persoalmente a ningunha das persoas coas que estiven traballando estes últimos meses, nin tampouco a moitos dos que me estiveron escribindo e apoiando a nivel profesional. O que me parece máis interesante disto é que o que realmente fala de ti é o teu traballo. Faime pensar que ten que ser bo e que funciona e dame seguridade en min mesma. Eu son moi perfecionista e insegura e pensar isto axúdame. E tamén me dá a posibilidade de traballar desde a casa, o que sempre é agradable.
_Non cabe dúbida de que a banda deseñada está, en Galicia, en plena efervescencia, pero como o ves? Cres que durará este boom?
_Leva en efervescencia xa uns cantos anos diría eu, porque hai unha chea de autores traballando e facéndoo ben, pero isto non quere dicir que a xente estea vivindo de facer cómic. A única forma é traballar para mercados estranxeiros. Nin en España, nin moito menos en Galicia hai unha demanda suficiente de cómics para poder facer a industria rendible. As cousas están mellorando si, pero aínda estamos moi lonxe de poder conseguilo. Todos os autores que están traballando a nivel nacional non teñen máis remedio que compaxinar esta actividade con outras para poder manterse. Por iso, francamente. creo que o do boom trátase máis dun fenómeno mediático que doutra cousa.
_Como se leva o feito de traballar para Marvel? Cal é a metodoloxía de traballo que tiveches que levar a cabo para realizar as páxinas de Runaways #10?
_Ben, o trato é moi agradable e se hai algo que teñan bo os americanos é o seu entusiasmo. Realmente estou super tranquila e cómoda traballando. Pasáronme o guión, preparei un story abocetado para corrixir a narrativa e fixen o lapis e a tinta. Nada fóra do habitual. Marvel impúñame, eu esperábame correccións e cambios a eito pero por sorte non foi así. Estou encantada da vida.
_Cal é a historia de banda deseñada que máis che fliparía facer?
_Realmente o que máis me apetece é traballar sobre as miñas propias historias, escribindo eu. Teño un par de proxectos pero por cuestións alimenticias aínda non podo. Neste momento síntome en pleno proceso de aprendizaxe, apetéceme moito profesionalizarme traballando para usa, estou aprendendo e mellorando moito ao mesmo tempo que intento abrirme camiño no mercado. Respecto de series americanas nas que me gustaría traballar máis ben dependería do guionista, pero me ilusiona case calquera cousa. Deixar o teu gran de area en franquías de personaxes que adoras desde pequena é xenial. Thor por exemplo, faríame moita coña. Estou nun momento moi especial na miña vida que nunca pensei que puidese chegar polo que teño moita enerxía. Apetéceme todo.
_Grazas pola entrevista e grazas por debuxar.
_Grazas a vós.

 

luis-pardo-presentador31

Luís Pardo, presentador de Banda Curta

‘O nome do programa debería ser ‘Falta facía’ 

 

-Facía falla un programa como “Banda Curta” no panorama televisivo galego?
-Si. De feito, o nome do programa debería ser precisamente ese: “Falta facía”. Aínda que  se o rocanrol sobreviviu á morte de Buddy Holly e outros tantos tamén sobrevivirá a nós.

-Din que, en Galicia, se lle das unha patada a unha pedra aparece un gaiteiro. E roqueiros?
-Agora, se lle das unha patada a unha pedra, en vez de unha gaita aparecerá unha guitarra eléctrica. Roqueiros, popeiros e de todo tipo: nin emitindo 24 horas ao día, coma no “Gran Hermano”, teríamos sitio para todos.

-Cantas cancións tes no i-pod?
-Non teño i-pod. Bueno, o outro día regaláronme un pero aínda non tiven tempo nin a cargalo.

-Entón dime que cd tes no coche agora mesmo…
-Un de Pesteicida que comprei o outro día na sala Nasa. Antes andaba escoitando un dos Specials.

-Cal foi o último disco que compraches?
-O outro día atopei no Corte Inglés unha oferta a 4’95… ¡Parecía o top manta! Tívenme que controlar, pero comprei seis ou sete discos.

-E lembras cal foi o primeiro?
-Foi un casete do “Like a Virgin” de Madonna. Debía ter eu 6 ou 7 anos. A miña nai preguntábame que facía eu cun disco dunha tía que saía na portada con tan pouca roupa…

-Volvamos a Banda Curta. Como van as audiencias?
-Andamos en torno ao 10%, que parece ser que era o obxectivo da tvg, e non nos piden máis. É moi positivo traballar sen presión.

-Rematemos cunha anécdota.
-Habería moitas. Pero pódoche contar que no primeiro programa houbo que regrabar case todo porque ao presentador deulle por cortar o pelo sen avisar a ninguén, e por aquilo do racord non podía sair cada vez cun pelo distinto…

 

 

kiko-da-silva

Kiko Da Silva, humorista gráfico
 

‘Os galegos debemos falar de cultura, criticala, analizala e, sobre todo, participar’ 

_ “Probablemente os deuses non existan pero a cultura galega sí; Por que non falamos das cousas que existen?” Así tentaba a revista Retranca suscitar o interse pola cultura galega. Vestindo as traseiras dos autobuses urbanos de Vigo, esta revista de humor galego iniciou   hai quince días unha campaña publicitaria que tan só durou 6 horas. Kiko Da Silva relátanos o periplo desta campaña_

Por Amparo Rodríguez 

-Logo dun ano de humor galego e en galego Retranca métese de cheo no mundo do márketing pero… tropeza coa primeira pedra…
-Sí, máis que pedra mala interpretación.

-Parece ser que o seu eslogan lembraba a uns polémicos autobuses..
-Seica sí, que a alguén lle recordou a esta campaña  dos buses ateos e pedíu que a retiraran

-¿Como foi?
-Contratamos unha publicidade nos autobuses urbanos de Vigo e ás seis horas de comezar Vitrasa mandou retirala.

-¿Déronlle algunha explicación?
-En principio non pero, ao día seguinte, pedíronnos desculpas e tamén que modificaramos o eslogan.

-¿Como quedará ao final?
-Pois tan sinxelo como “Probablemente Zeus non exista pero a cultura galega sí. Por que non falamos das cousas que existen?

-Non hai moita diferencia…
-Non, tan só cambiamos deuses por Zeus que penso que leva máis á confusión.

-¿Cal era a intención de Retranca?
-A intención era pór na boca da xente a cultura galega, que os galegos comezáramos a falar a cotío da nosa cultura.

-En cambio a campaña rematou relacionándose á relixión
-Lamentablemente sí se falou un pouco de relixión pero para nada era a nosa intención. Nós non queríamos falar de relixións, nin nos referíamos a ningún deus en concreto, tan só falábamos dos deuses do Olimpo. Sentimos que se está a cambiar a intención da nosa campaña publicitaria.

-Ao final creouse unha polémica que servíu para promocionar aínda máis a revista.
-Pode ser pero insistimos: a nosa mensaxe non buscaba unha reflexión relixiosa.

-¿A que acordo chegaron coa empresa de autobuses urbanos?
-Coido que un acordo moi bo. Cedéronnos a traseira dos autobuses para publicitar a nosa revista e ademais os autobuses acollerán unha exposición itinerante sobre distintos temas que se tratan e tratarán na revista.

-Adiántenos un chisquiño
-Na exposición facemos humor grazas aos funcionarios, ás series de televisión, a Cuba, á crise…

-¿Para cando ese anuncio modificado?
-Pois para xa, agardamos que esta semana mesmo estea colocada nos Vitrasa de Vigo.

-¿Cre que moita máis xente interpretou a mensaxe ao revés?
-Non, creo que apenas deu tempo a que ninguén se decatase do anuncio. Penso que os cidadáns non foron tan suspicaces.

-Alo menos agora sairá con máis retranca ca nunca, ¿non pensa?
-Non sei, nós o que queremos é falar da cultura galega que semella ser cousa duns poucos. A cultura galega está limitada a un gueto e iso é o que hai que evitar. Os galegos debemos falar de cultura, criticala, analizala e, sobre todo, participar.

-¿E difícil vivir de facer humor en galego?
-Non nos imos enganar, é difícil pero aquí estamos.

-¿Sen depender de ninguén?
-Absolutamente de ninguén. Nós non somos unha revista subvencionada pola Xunta nin por ningunha administración e é iso precisamente o que nos permite facer o noso traballo. É duro pero o balance é positivo.

-Unha mensaxe para os lectores
-Que non permitan que nestes tempos censuren a liberdade de expresión e, sobre todo, que sentan a cultura galega como súa.

 

 

 

rivas

Juan Rivas, cantante

“A música poderíase parecer moito ao lugar chamado Felicidade”

Por A. Pedreira

- Para comezar, unha pregunta sinxela: ¿Que é a felicidade?
- A felicidade: poderiamos estar horas desentrañando que demonios é a felicidade ou onde podemos atopala. Penso que isto é básico: onde podemos atopar a felicidade; quizais deternos a pensar, xa que ás veces aí está e pásanos moi desapercibida nun mundo onde cada vez vivimos máis apresa. Como ben dixera Punset, non é un fin ou unha meta, senon que no camiño, na loita, na paixón ou nas pequenas cousas é onde é máis doado atopala. Se non descubriríamos a felicidade sen coñecer o sufrimiento.

- Massiel, Germán Coppini… ¿Que supuxo para vostede a colaboración  cos vellos mitos da música hispana?
- Un encontro con moitas sensacions… O máis emotivo da miña carreira: o encontro con un dos meus mestres, Germán Copinni, un excelente escritor e mellor persoa. Por outra banda a mais máxica sesión de gravación da miña traxectoria, a gravación de Massiel… unha lección que non se aprende na escola de música… O mundo parace que non existe, olvídaste de que nada existe… Só a voz e o sentimiento, a interpretación contra un micrófono…

- E agora Eurovisión… ¿Xa lle pediu consello a Massiel?
- En realidade non a chamei para comentarlle que estaba como candidato. Estiven moi ocupado cos últimos flecos do meu próximo disco e, certamente, non lle dei máis importancia.

- ¿Que quere aportar Juan Rivas logo do “Chiki-chiki”?
- Coido que Eurovisión quedará nunha anecdota divertida na miña traxectoria. Resulta complicado entrar nas semifinais sen unha gran campaña de promoción.

- ¿Que imos atopar no seu novo disco, Supertropical?
- Superdiscotropical segue sendo unha busqueda do meu propio son… Certas influencias saxonas un poquiño dos anos 80, e unha debilidade, que é a música do Brasil, Cuba… o trópico. A música disco dos 70, o house  e unhas pingas de música electrónica. Conta con colaboracións de importantes músicos como Joao Parahyba (Trío Mocoto) desde Sao Paulo; desde New York, unhas explendidas guitarras do guitarrista dos Amigos Invisibles (José Luis Pardo); Péon, de Def con Dos, o Electrocugat (Barcelona); ou Modular (Arxentina).to ao lugar chamado  Felicidade”

- ¿Pode a música facernos chegar á felicidade?
- Moita xente sinte a música coma un placer. Se pecho os ollos e lembro un bó disco… é coma unha boa conversa, un baño na praia, a brisa entre os piñeiros, pode transportar o ánimo a outros lugares, facer aflorar sentimientos… Certamente poderíase parecer moito ao lugar chamado  Felicidade.

 

Aínda non hai comentarios

Aínda non hai comentarios.

Comentarios RSS Identificador de URI de seguimento

Deixa un comentario