Daga de 2 puntas, pop-rock de granito
‘Non admira quen máis mira senón aquel que pensa o que ve”. Con esta cita reflectida no seu primeiro traballo do 2008, Daga de 2 puntas lanza unha invitación non só a apreciar a súa música, senón tamén a criticala, pois a propia banda afirma entre risas que “a opinión e a competencia fainos mellorar cada día, aínda que ao final fagamos sempre o que nos apeteza”.
Eles son Sabela Cerezo, Anxo Casales, Kiri Cabaleiro, Rafa González e Fran Leboso, e a historia é a que segue: no ano 2006, Rafa e Fran quedan para tocar coa idea de estudar música xuntos, pero pronto esa mesma idea gusta a máis xente ata darlle forma ao que hoxe é Daga de 2 Puntas. Co tempo, e aínda sen unha intencionalidade clara de subírense a un escenario, a agrupación decátase de que conta cunha formación estable, un repertorio propio, e ademais forza de abondo, gañas a esgalla, e ilusión a moreas. Velaí a orixe de todo.
Son rapaces de entre 17 e 24 anos que no pasado mes de agosto presentaron en directo a súa primeira maqueta, que quixeron bautizar como Todo por un concerto (parece que xa lles empezaban a tirar os escenarios!!) E foi directamente na casa: na Praza do Concello do Porriño, a terra do granito. Naqueles días venderon ata 400 exemplares daquela primeira gravación. “Este feito motiva máis se cabe a seguir coa evolución desta forma de vida” que para eles é a música, aseguran.
Dende aquelas datas pasearon o seu traballo por prazas, salas e locais de España e Portugal e acadaron o soño de que a música trocase as súas vidas ata o punto de que o pasado mes de maio xa estaban presentando no Festival de Curtas de Cans o seu primeiro vídeoclip Qué más da, dirixido por Ana Diz e Andreia Táboas.
Logo dun ano nos escenarios, manteñen un repertorio de versións e de cancións propias nas que amosan a súa debilidade por un pop-rock influído por unha morea de estilos que van dende o chill ao hip-hop, house, progressive, ska e ata o reggae, entre outros.
Din que están a traballar en novo material e que non van tardar en volver ao estudo de gravación para darlle forma ao seu primeiro disco ofricial, así que haberá que estar atentos. Mentras, poderemos seguir a súa andaina pola internet a través de www.dagade2puntas.com.
Rojo 2… coidado, banda contundente
Galicia foi dende sempre un auténtico viveiro de bandas que enarbolaron a bandeira do metal en todas as súas variantes como enseña. Dende o heavy máis clásico pasando polo hard-core e todas as súas moitas modalidades e ata chegar ao doom ou ao death, parece que a enerxía musical en estado puro, a adrenalina sonora, consegue callar a este lado do Padornelo.
Bo exemplo desta afirmación está na banda viguesa Rojo 2, que dende o barrio de Coia queren berrarlle ao mundo as súas inquedanzas a base de melodías contundentes, voces guturais, riffs infernais e unha base rítmica completamente demoledora.
Rojo 2 comeza a súa andaina con Alber e Xandre (guitarristas) e Jabu (batería), “co único obxectivo de facer hard-core dunha maneira agresiva e reivindicativa”, segundo afirma o propio grupo, tentando sempre expoñer as súas ideas e concepcións musicais “de forma clara e directa dentro do caos mediático no que se atopa hoxe en día a sociedade actual”.
Foron os primeiros pasos da formación que non tardou en crecer e converterse en quinteto trala incorporación do vocalista Diego e, máis tarde, do baixista Juanillo.
Entramos así no ano 2008 no que, logo de dar uns 20 concertos en directo, deciden pegar o chimpo e entrar nos estudos de gravación para rexistrar a súa primeira e, ata o de agora única, maqueta, Necesidade.
Os estudos Desamparados, no Alcabre, foron o escenario escollido para recoller os tres temas, A matar, Adrenalina e Inferno, incluídos na demo, onde amosan á perfección a forza da que fan gala estes vigueses.
E para rematar, unha promesa que tamén sae dos labios dos membros desta agrupación: “Rojo 2 é unha banda de hard-core que pretende amosar frescura e dinamismo coa maior contundencia posible en directo”. Todo un compromiso para os moitos afeccionados a este estilo.
+ info en www.myspace.com/rojo2coia
Baldosa Amarilla, no camiño de Oz
O grupo Baldosa Amarilla nace no Porriño e está integrado por Frus (voz), Jose Núñez (guitarra), Iago Bastos (guitarra), Gatsby (guitarra e coros), Alex Crende (baixo e coros) e Moses (batería).
Subíronse por vez primeira ao escenario con este nome no festival universitario Leonardo DaVinci en 2006. De aí seguiron desenvolvendo un ano cheo de actuacións en festivais que pecharon cun repertorio integrado por unha presa de versións e algunhas cancións propias e, sobre todo, cunha excelente acollida entre o público asistente.
2007 serviulles para seguirse fogueando en directo e comezar a definir o que será o seu propio son, que podemos vincular ao pop-rock máis alternativo con letras en castelán. Palabra exacta púxolle o broche de ouro a esta etapa. Trátase dunha maqueta gravada en JBEstudio’79. A propia banda defínea como unha gravación “chea de boas ideas e unha producción nula”, a asómbranse de que, a pesares desas carencias, acadasen a cifra de 30.000 visitas na imprescindible páxina de MySpace.
En 2008 dan un paso máis e gravan o primeiro videoclip, Laberinto, producido por Cucoclock Creaciones. Entre outros eventos de relumbrón, e como non podía ser menos, pasou pola casa. Léase Festival de Cans. Nesta época seguen a moldear a súa propia personalidade cunha manchea de concertos espallados por toda a xeografía galega e do norte de Portugal. Incluso lles quedou tempo para participar no concurso 100 Pipers Music, do que chegaron a ser finalistas, así como nos premios Maketón Estrella Galicia, onde acadaron unha nominación a “Mellor maqueta de 2008”.
E nada máis? Pois claro que sí. 2008 aínda lles deu para meterse no estudo de gravación e darlle a forma precisa a un ep autoproducido e gravado en Océano Estudios, onde se aprecia a evolución do grupo, as baldosas marelas xa percorridas antes de chegar á mitica cidade de Oz.
+ info en http://www.myspace.com/baldosaamarilla
Aínda non hai comentarios
Aínda non hai comentarios.
Comentarios RSS Identificador de URI de seguimento
Deixa un comentario




