rePorTaXes

maryland

Maryland: un asunto de familia

Por Sergio Lagartija

Montar unha banda co teu irmán non che asegura o éxito, pero pode ser un punto a favor. Descoñezo se hai estudos sobre o tema, se o estreito vínculo familiar pode facilitar que a sensibilidade artística aflore dun xeito máis natural, pero non podemos negar que montar un grupo co teu irmán mola. Así o demostra a multitude de casos, de maior ou menor éxito que se produciron na historia, desde AC/DC a Oasis, pasando por Dire Straits ou The Psychedelic Furs. Os resultados deses supostos estudos deberían duplicarse no caso de Maryland, pois temos dúas parellas de irmáns.

Están Rubén (guitarra e voz) e Pablo Castelo (baixo e voz) e tamén Arturo (guitarra e voz) e Jaime Gutiérrez (batería), catro mozos que rozan a trintena e que se unen en decembro de 2007 para formar Maryland, unha banda que bebe directamente do son americano de bandas de powerpop como The Posies, Weezer, Jimmy Eat World ou Nada Surf, e que o 15 de xuño presentaron o seu primeiro disco, Surprise (Ernie Producións), un traballo conciso, potente, infestado de guitarras e melodías pop. “Sempre haberá grupos coma nós” aseguran, “pois o noso estilo non é consecuencia das modas”. E teñen razón. As súas cancións son o ABC do pop, como se practicou desde que os Beatles axitasen o planeta.

No seu primeiro ano percorren Galicia con enorme aceptación, tocando con xente como Deluxe, Dover, Vacazul, os seus amigos Holywater ou Los Lobos. Asoman a cabeza en varios festivais (Rosal Rock, Festas do Cristo da Vitoria), son finalistas do concurso Nsaio No Camiño, e ata realizan unha breve incursión en terras catalás (Gavá e Barcelona). Así entran a formar parte da inevitable e irresistible escena musical viguesa. “Claro que existe unha escena, e esta é potentísima”, afirman. Pero Maryland non é unha banda máis, e son conscientes diso. “Hai un estilo moi marcado, nós soamos de xeito diferente. Non pretendemos innovar nin nos importan as tendencias. Só continuamos facendo o noso son”.

A finais de 2008 entran nos estudos Areamaster (Vigo), onde deseñan con Pancho Suárez o seu primeiro traballo. Deciden enviarlle un tema a Jaime García, líder de Sexy Sadie, coa intención de que colabore con eles, pero a reacción deste é inesperada, pois amósase entusiasmado e invítaos a Mallorca para rematar a gravación no seu estudo Urban Producciones. O traballo de Jaime é minucioso. Grava pandereitas, voces, multitude de arranxos e rebaixa o peso das guitarras substituíndo algunhas por teclados. A consecuencia disto deciden incorporar a Iván Patiño, teclista, como quinto Maryland, curiosamente primo de Cristovo de The Homens, rizando o rizo en canto ao tema de parentescos do que falaba antes.

A súa música é directa e natural, como unha boa relación entre irmáns. En calquera caso, trátese ou non dun asunto de familia, Surprise será, con seguridade, un dos discos máis excitantes do ano.

 

noemi

A foto saiu movida

Por Noemí Díaz Patiño

Todos sabemos que en época de crise só os máis listos son os que saen adiante, ou polo menos os que consiguen destacar dentro do seu grupo. Esta fórmula é a que empregan actualmente os fotógrafos e aficionados á fotografía para promocionar o seu traballo.

Moitos son os espazos disponibles (blogs, fotolog, flickr, myspace, facebook,…), e se a todo isto lle sumamos a facilidade de coñecer xente e a velocidade á que viaxa a información, atopamos na rede a ferramente perfecta de promoción para estas novas xeracións.

Xa non fai falla ter unha web excesivamente traballada para amosar as nosas capturas. Hoxe en día, con que saibas moverte o mínimo por internet, tes a posibilidade de que o teu traballo sexa visto por un colega de Asturias ou por unha rapaza de Londres que non viras na túa vida, nin probablemente a vexas endexamáis.

Se non fai moito tempo, os primeiros traballos dos fotógrafos amateurs dedicábanse ás vodas, bautizos e comunións, algúns destes xoves fan os seus primeiros traballos (xa sexan remunerados ou non) e exposicións grazas a contactos feitos por medio da rede. Os máis comúns teñen que ver co mundo da moda, a música ou en publicacións de tirada moderada. Todo é máis doado aínda que menos directo, é posible ir sacar fotos a unha voda sen coñecer en persoa ós noivos, algo que onte era impensable.

Está claro que hai que ter un bó traballo, porque senón ninguén se vai fixar nel. Hoxe en día todos podemos adquirir un moi bó equipo a un prezo todavía mellor, todo o mundo sabe abrír o Photoshop; pero existen pequenos detalles que marcan grandes diferenzas. Por moito que teñas un traballo envexable, é moi difícil que chegue á xente se non tes contactos, se non fas vida cibernética (comentas á foto de Fulano, pregúntaslle a Mengano como fixo tal toma, …) e por dicilo dalgunha forma, se non te deixas ver. O imprescindible é moverse.

 

bandacat

Banda curta, resucita a música na Galega

Por A. Pedreira

Dende fai só tres semanas, a parrilla da TVG conta cun novo espazo enfocado directamente á música galega actual. Banda Curta está presentado polo xornalista Luís Pardo e dirixido por Alfonso Pato e, entre outros acertos, tivo o atrevemento de centrar o seu traballo na música en directo. Como? Na tele? Pois si, na tele. En directo? Pois si, en directo. Con un par.
Música en vivo, reportaxes, entrevistas, novidades do mercado, axenda de concertos… Banda Curta nace con vocación de dar a coñecer o amplo panorama da música pop e rock en Galicia, os grupos emerxentes ou a explosión de bandas nacidas nos últimos meses arredor da rede de locais de ensaio. Un repaso a todo o que ten que ver con este movemento que a cada día que pasa parece querer facer máis e máis amplo.
“Unha fiestra”, din os seus creadores, “á que poidan asomarse os grupos, os festivais, as salas de actuacións, os estudios de gravación e todos os sectores que forman parte da industria musical en Galicia”. É ou non é un acerto?
E ademais, aderezado con entrevistas con xente relacionada co mundo da música, ou con seccións como a adicada a saber que foi dos grupos que emerxeron coa chamada Xeración Xabarín, ou adn, onde personaxes populares darán a coñecer os seus gustos musicais.
Unha hora de boa música feita, como dicía aquel amigo meu, “tras da cociña”, todos os sábados a partires das catro da tarde. Non faltedes, pasamos lista.

 

 

lili

Lili Films: La tele ha muerto. Viva el Super 8

Por M. Fernández

Morreu a televisión? Precisamente agora que todo o mundo está a falar da tdt e derivados? Precisamente agora que veño de mercar unha de plasma dun cento de pulgadas? Precisamente agora que me presentei ao casting de Gran Hermano? Non, non pode ser.
Quen son estes dous que aseguran que a tele morreu? Un tal Fernando Pujalte e un tal Ángel Rueda que, como parece que estaban aborrecidos da televisión tradicional lles deu por montar un negociete. “Lili-films”, din que lle chaman. Boh! Unha andrómena máis.
Porque a que se adican estes tipos? Din que á procura, restauración e proxección de películas domésticas e documentos de todo tipo en formato Súper 8. Pero, quen lembra o Súper 8? Ese si que morreu, carafio, e non a miña bendita televisión!
De seguro que estes dous tipos o que pensan é que entre os baúles da xente do común van atopar documentos históricos de primeira orde… Ilusos! Se a xente o único que garda en Súper 8 son esas cintas da primeira comuñón dos nenos, da boda de Carlos, da excursión a Tenerife… Trapalladas!
Pero é que estes tipos aínda non se conforman con procurar cintas vellas e esquecidas de todos. Aínda por riba pretenden que a xente lles pague unha pasta por recuperalas e organizar proxeccións… na súa propia casa! E quero dicir na casa dos clientes, que aínda se fora na destes dous e puñeran, de paso, unhas tazas e unhas tapiñas, aínda bueno… Pero non, é na casa dos clientes. E quen di na casa di no bar da esquina ou en sitios así. Estes tolearon!
“As sesións compóñense dunha coidada selección composta por películas domésticas e outras de época que se proxectan acompañadas dunha banda sonora creada especialmente para cada sesión e que se representa en vivo, acompañadas da súa correspondente escenificación”, din na súa páxina web. Pois era o que me faltaba! Aínda non teño espazo no salón do meu minipiso para enchufar a wii do neno e vou traer a estes dous, con todo o aparello de proxector, pantalla, músicos e ata unha posta en escena! Érache boa!
Pero cala, oh… Que aínda din que eles mesmos fan os seus propios documentais para proxectar nestas sesións… Tache ben: non vexo os da Dúas, que son do náchonal lleográfic ese, e vou pagar para ver os destes tipos… Ha, ha, que risa!
E claro, para facer eses documentais, de onde sacan o material? Pois das cintas que lles vai pasando a xente. É dicir: aprópianse do noso propio pasado para facer as súas peliculiñas sobre as festas populares, a matanza do porco, as rapas das bestas… O que se lles ocorre a estes dous!
Bueno, Diego, aínda que non che guste moito eu xa cumprín coa miña paxiniña para o Kalailkia. Se non o tes claro, podes botarlle unha ollada á súa páxina web: http://es.geocities.com/lilifilms/ Agora marcho, que vai empezar o Diario de Patricia.
Que morra o Súper 8 e que viva a televisión! Abur.

Aínda non hai comentarios

Aínda non hai comentarios.

Comentarios RSS Identificador de URI de seguimento

Deixa un comentario