Bob o construtor, “yes, we can”
Por Jacobo Paz
da súa sección ‘4:3′
Pode que «yes, we can» sexa unha frase popularizada por Barak Obama, pero moito antes de que o presidente norteamericano a empregase como lema da súa campaña electoral este xa era o berro de guerra dos seguidores de Bob o construtor, unha serie infantil que comezou a emitirse en 1999.
Como o título pode levar a engano, será mellor aclarar que Bob o constructor non é unha serie protagonizada por un promotor inmobiliario que se dedica a especular. Iso sería demasiado didáctico para os nenos e aquí o que se trata é de telos entretidos con contos sen conexión coa realidade.
Só nun mundo de ficción poden existir Bob e as máquinas que o axudan. Para os adultos, ver a un albanel que mellora a calidade de vida dos seus veciños mediante as súas reparacións resulta demasiado irónico. Acostumados a Pepe Gotera y Otilio, ese dúo de chapuzas tan español, Bob o constructor preséntase como o representante ideal dun gremio cunha mala sona gañada a marteladas.
Para que a fantasía fose perfecta, a esta serie só lle falta un banqueiro que conceda créditos sen intereses.
*Jacobo Paz é guionista
A esperanza, ese cancro
Por Andrés Mahía
da súa sección ‘Mentiras’
“…e sabedor dos seus amores co señor de Vrandeville, gardei o anel xunto coas súas cartas e resolvín iniciar unha viaxe longa, para fuxir así dos meus pesadelos, ou tal vez para enfrontarme a eles […] Esta era, máis ou menos, a cuestión: ou me atrevía eu a desafiar os seus novos sentimentos por Vrandeville [...] axeonllado no Arco da Grand Place co anel na man e un discurso leal [...] ou ben aceptaba escoitar as voces que desde a miña conciencia lembraban as traizóns cometidas, a dor que eu lle causara a vostede […] E decidín que nin sequera a posibilidade de perdela para sempre, querida, debería impedir que eu facilitase a súa merecida procura de felicidade […] E se decido agora escribirlle estas liñas, é co ánimo de que remate vostede para sempre cos restos da esperanza que arruínan cada un dos días da miña existencia. Dígame que o seu amor por min está morto, seco, como as follas de outono [...] Só así poderei vivir sereno outra vez […] a esperanza, que tantas veces brinda a luz precisa para transitar o mundo, é agora un anaco de metal afundido nas miñas entrañas […]”
Fragmento da carta de M. Olivier Strech a Mme. P. Dupin. Abril, 1823. Biblioteca Orsay de Gante.
*Andrés Mahía é guionista
Aínda non hai comentarios
Aínda non hai comentarios.
Comentarios RSS Identificador de URI de seguimento
Deixa un comentario


